Viñetas enfronta mañá venres a súa recta final cunha das convocatorias máis esperadas do programa de actividades: a primeira sesión de firmas cos autores invitados

A charla do día (19.30 horas) estará protagonizada polos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada 2020, Begoña García-Alén e Andrés Magán

Segundo estea a tarde, as mesas nas que asinarán exemplares das súas obras os debuxantes que viaxaron ata Coruña nesta 24 edición colocaranse ou ben no corredor de saída da feira editorial ou ben na propia carpa de actividades do recinto, nos Xardíns de Méndez Núñez. A primeira sesión de sinaturas desenvolverase mañá venres entre as 18 e as 20 horas, sempre coas limitacións impostas pola situación sanitaria. Só poderá acceder un número concreto de persoas e por estrita orde de chegada, igual que ocorre no resto das actividades do programa.

Os orixinais das obras coas que García-Alén e Magán obtiveron o Premio Castelao que concede a deputación provincial da Coruña, “ Adeus amigos” e “As aventuras de Passer P. Malta”, están ao dispor do público na sala Salvador de Madariaga, unha das catro sedes expositivas do Salón  

O debuxante galego Das Pastoras, que no puido desprazarse á Coruña para participar nas charlas nin asistir á sesión de sinaturas, é o autor de “Hércules 1417”, presente no Pazo de María Pita 

A Coruña, 12 de agosto de 2021.- A 24 edición de Viñetas desde o Atlántico enfronta a súa recta final. Malia que as restricións derivadas da pandemia obrigaron á organización a prescindir dalgunhas actividades, o festival mantén as súas achegas esenciais; as sesións de sinaturas, por exemplo. A primeira terá lugar mañá venres entre a 18 a as 20 horas. Todos os debuxantes que viaxaron estes días a Coruña estarán ao dispor do público para asinarlle exemplares das súas obras. A cita será, en principio, no corredor de saída da feira editorial, nos Xardíns. Só se a climatoloxía impedise facelas no exterior a sesión se trasladaría á propia carpa de actividades. Unicamente poderá acceder un número concreto de afeccionados, por estrita orde de chegada. Os autores e autoras atenderán unha persoa de cada vez. O resto dos privilexiados haberá de agardar a súa quenda fóra, sempre provistos de máscara e mantendo a distancia obrigada de seguridade.

A charla do día

A charla de mañá venres estará protagonizara polos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada 2020, Begoña García-Alén González e Andrés Magán Zamorano. O encontro con ambos os debuxantes será a partir das 19.30 horas no salón de actos do Kiosco Alfonso.

Unha vez máis, soamente accederán ao recinto, por rigorosa orde de chegada, un máximo de dezaoito persoas. Os interesados terán que apañar os pases no Kiosco media hora antes da charla. Non se expedirán máis entradas. Aqueles que non asistan persoalmente poden seguila e mesmo parolar en directo con García-Alén e Magán por youtube a través do portal do festival vinetasdesdeoatlantico.com. Igual que pasou co resto das charlas, o coloquio do venres quedará aloxado na web, para ser revisitado en calquera momento.

Begoña García-Alén González e Andrés Magán Zamorano son os autores galardoados na penúltima edición do Premio Castelao que concede a deputación provincial da Coruña nas modalidades xeral e mais infantil e xuvenil. Os orixinais das obras premiadas, Adeus amigos e As aventuras de Passer P. Malta, están na sala municipal Salvador de Madariaga. Ambos os autores comparten unha traxectoria similar. Naceron no mesmo ano, formáronse na facultade de Belas Artes de Pontevedra e comezaron a publicar banda deseñada no ano 2014. Sobre a obra de Begoña García-Alén, o xurado dos Castelao destacou “a súa aposta gráfica experimental”. García-Alén publicou outros títulos coma Perlas do Inferno, O Espectador, Nova Mística de Vigo e Unha porta moi pequena nun cuarto. Andrés Magán é ilustrador e deseñador e coma autor de banda deseñada ten, entre outros, Griza Zono, Conto do Neno Bo/Conto do neno malo, A Friend e mais Is your Journey Really Necessary? A obra coa que se alzou co Castelao é, segundo o xurado, “un conto divertido, surrealista e máxico”.

O Hércules de Das Pastoras

Aínda que o debuxante galego Das Pastoras non puidese desprazarse ata Coruña para participar nas charlas e na sesión de sinaturas, os seus seguidores e os afeccionados en xeral teñen a ocasión de admirar no Pazo municipal de María Pita a grandiosidade da súa última obra, “Hércules 1417”. Loada pola crítica e mais o público, vén de chegar este mesmo ano ás librarías. Cualificada xa coma una obra mestra, o libro de Das Pastoras conta as fazañas deste heroe da mitoloxía grega, tan achegado á cidade da Coruña, a partir da obra que Enrique de Villena escribiu en 1417 e modernizou o escritor Pedro Víllora. Mesmo se o volume de Das Pastoras non alude á xesta do fillo de Zeus fronte ao xigante Xerión alá por Brigantium, Hércules retorna á cidade que, segundo a lenda, creara para conmemorar a súa vitoria; unha fazaña que, dende hai séculos, se encarga de nos lembrar a torre faro que leva o seu nome.