Viñetas desde o Atlántico 2022 convida a percorrer todo aquilo que aconteceu neste cuarto de século na Novena Arte da man dos referentes da Banda Deseñada

1998-2022, o Salón Internacional do Cómic da Coruña cumpre os seus primeiros 25 anos

David Rubín e Emma Ríos expoñerán no Quiosco Alfonso os seus últimos traballos

 Os orixinais de “El Buscón” de Alain Ayroles e Juanjo Guarnido, e mesmo o último “Blacksad” de Guarnido e Juan Díaz Canales, exhibiranse en María Pita.

 A inesquecible Esther, de Purita Campos, incorpórase á familia de personaxes comiqueiros que toman a cidade durante o Salón do Cómic

Estaba moi claro. O programa do 25 aniversario do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico impulsado polo Concello de A Coruña desde 1998 non podía facer outra cousa que repasar o que aconteceu na Novena Arte nestas dúas décadas e media que leva ás costas. “Desde o principio tivemos clara a liña de traballo” –explica o director do Salón, o debuxante Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic 2013- “que tanto os convidados como as exposicións de Viñetas 2022 (do 8 ao 14 de agosto) amosasen unha mestura da nostalxia daqueles primeiros anos; que plasmasen a satisfacción do camiño percorrido por Viñetas e, por que non dicilo, tamén o orgullo que nos cabe polos resultados obtidos. Pensamos en empezar a viaxe naqueles que nin sequera naceran cando chegou Viñetas desde o Atlántico –engade Prado- ou nos nenos lectores dos tebeos que había daquela. Por iso convidamos a Alicia Jaraba, quen, por ser a filla dun autor de cómic, viviu todo ese proceso moi de preto e dende ben cativa: indo co pai de festival en festival ata chegar a ser quen é hoxe en día, a autora de banda deseñada que nos engaiolou a todos co seu Soy la Malinche. Doutra banda, quixemos mirar para eses mozos afeccionados que viñan por Viñetas nas súas primeiras edicións, como foi David Rubín (Gran hotel Abismo) ou Emma Ríos (La cosa del pantano: cuentos de la ciénaga, e que se converteron nos artistas recoñecidos internacionalmente que son hoxe, cunha traxectoria que resulta incuestionable”.

Outro dos eidos sobre os que se traballou ten que ver cos artistas que xa despuntaban daquela e agora son un referente mundial indiscutible: Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales. As súas obras son das poucas que contan cun gran público e cun mercado universal: están editadas en todas as linguas imaxinábeis e mesmo en todos os países nos que se poda pensar. Un dos pratos fortes destas vodas de prata que imos celebrar vai ser tanto a mostra dos orixinais de El Buscón en las Indias –o Guarnido que, con guión de Alain Ayroles coma os dese Todo Cae, no que o tándem Guarnido e Canales levan a Blacksad de volta a Nova York.

O programa inclúe ademais algúns referentes dos múltiples mundos paralelos á propia banda deseñada: o cine ou a animación.. Estará na Coruña Jesús Alonso Iglesias, o responsable da imaxe do último grande éxito de animación cinematográfica, Spiderman. O seu traballo poderá verse exposto en Viñetas 2022. Viñetas 2022 quere render asemade unha homenaxe aos creadores e creadoras que son o pasado, o presente ou están a protagonizar o cambio do cómic en España,  eses que van ser responsables do seu futuro: Fernando de Felipe (El hombre que ríe, Museum); Borja González (Grito nocturno); Mayte Alvarado (La Isla) ou Fidel de Tovar e Dani Bermúdez, referentes indiscutíbeis do manga español (Liquid memories, El tiempo de los tres).

Viñetas sempre mira cara ao mercado francobelga, referente na novena arte. “É por iso –explica Miguelanxo Prado– quixemos contar con Pierre Alary, un dos seus expoñentes máis relevantes que “abraiou a todo o mundo coa súa versión libre de El Zorro titulada Don Vega e mesmo pola súa adaptación do personaxe Conan o Bárbaro en La reina de la costa negra con Moryan ao guión”. Carlos Portela e Sergi San Julián volven a Viñetas coa novela gráfica A Conta Atrás, á fin completa, con unha segunda parte ata o de agora inédita. Os orixináis achegan a traxedia do Prestige e cobren ese espazo que dedicamos sempre ás obras que usan a linguaxe do cómic para a denuncia e a crítica social.

Esther entra na familia

Alén dos orixinais e as charlas cos autores, hai un elemento de Viñetas que o identifica como ningún outro: a familia de figuras –nacionais ou alleas- que se agochan polas rúas cada verán. Batman, Spiderman, Superman, os Simpson, a Pitufina, o Príncipe Valente, Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Blacksad ou Corto Maltés, están desexando facer a súa aparición cada agosto, aínda que só sexa para seren as estrelas máis fotografadas do Salón. Tras de 25 anos, os selfies daqueles que os descobren aquí e acolá pola cidade adiante han ser xa milleiros. Este 25 aniversario vén con sorpresa engadida: a familia crece cunha nova figura; e unha moi desexada. Esther, o referente feminino da España dos 60 e os 70 que creou Purita Campos. Unha moza, por riba, que tivo o mérito de amosar a moitas mozas españolas dos 60 e os 70 que cousa era o feminismo, as relacións e a incorporación ao mundo laboral.

O primeiro cuarto de século do Salón trae outra novidade. Blacksad, Hellboy e Xabarín compartirán a cara cos afeccionados que teñan o capricho de converterse por uns intres en súper heroes de papel.

A ciencia dos océanos

Viñetas desde o Atlántico recupera este 2022 un vello amigo: o Aquarium Finisterrae coma espacio expositivo para acoller “Viñetas: a ciencia dos océanos”, unha mostra comisariada por Toni Guiral que nos achegará ao mundo científico a través do cómic, e dedicada á honrar a memoria de Francisco Franco del Amo, Paco Franco, quen fora director técnico dese museo, científico e amigo leal do festival, falecido en setembro pasado.

Un ano máis, Viñetas acollerá o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. A sala de exposicións Salvador de Madariaga será a que presente os orixinais da obra galardoada en 2021, “Nós seis”, de Julia Lago. Alí tamén estará “María Casares. En tres actos”, de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove aos lapis e Manuel L. Poy ao guión, editado polo concello coruñés e ilustrada na coberta por Camille Benyamina.

A Torre de Hércules multiplicarase por vinte e cinco este 2022. O símbolo da cidade non podía ser alleo ao aniversario do Salón. Un ano máis poderán visitarse alí os carteis que foron a imaxe de Viñetas no último cuarto de século. Prevese asemade a edición dun selo de correos conmemorativo do 25 aniversario que reproducirá o cartel da edición, obra, coma o primeiro da serie, de Miguelanxo Prado.

O director do festival do cómic destaca a singularidade do Salón Internacional polo feito de ser quen de reunir, edición tras edición, tal número de orixinais dos autores convidados. «Os creadores son –somos- moi protectores cos orixinais e é difícil conseguir un salón coma este, onde o que prima sexa a mostra dos debuxos orixinais; e iso só é posible grazas á sona que nos gañamos no sector, coidando do autor e mais da súa obra, o que sería imposible sen o traballo que fai dende hai 25 anos o equipo municipal responsable das salas de exposicións”. O obxectivo, desde o principio, foi facer de Viñetas un salón de autor, onde o encontro sosegado entre os afeccionados e os creadores fose posible. “Conseguímolo, remata. Viñetas é un referente.

Polo festival pasaron estes años autores de altura: premios Nacionais de Cómic, Premios Eisner (os Ócar da novena arte), referentes americanos dos súper heroes da Marvel ou DC Comics; autores das novelas gráficas máis singulares, dos tebeos infantís máis recoñecidos; lendarios creadores de manga xaponés. E, mesmo así, Viñetas nunca esqueceu o mundo editorial. De aí esoutro clásico do festival, a Rúa da BD, un espazo que acolle cada edición ao redor de trinta librarías especializadas de toda España. Ao seu carón, as editoriais terán igualmente este 2022 unha carpa na que presentar as súas novidades.