Pedro Armestre achegou aos alumnos do IES «Basanta Silva» de Vilalba o seu traballo documental sobre o impacto de cambio climático e a desfeita ambiental global

  • Na charla falou tamén doutros proxectos, como a súa última viaxe a SIerra Leona centrado no matrimonio infantil, ou o  espolio dos recursos en Latinoamérica e África
  • O obxectivo deste encontro, contaxiar aos alumnos de 1º e 2º de  BAC do centro vilalbés a importancia de minimizar a pegada que cada un de nós deixa no planeta e de confiar en que calquera pequeña corrección nos hábitos de consumo incide no futuro de todos.

VILALBA, 22 de novembro de 2019.- “Miremos ao noso redor máis próximo e comecemos por facer cousas pequenas. Hai que forxar personalidades consolidadas que saiban ver como aberracións os erros que hoxe cometemos, que os eviten e axuden a erradicalos. Aí, creo, pode estar a esencia do que estamos obrigados a inculcar aos que nos suceden. A nosa obriga é camiñar no bico dos pés para minimizar a pegada”. Ese é, en resumo, a mensaxe que o fotógrafo documental Pedro  Armestre quixo transmitir esta mañá aos alumnos de 1º e 2º de  BAC do IES “Basanta Silva”.

Para iso,  Armestre, experto no desenvolvemento de proxectos no campo social e ambiental, mostrou aos rapaces unha selección das imaxes máis  icónicas que fotografou nas súas viaxes ao longo do planeta, contándolles o relato que sempre hai detrás do que, a primeira ollada, vese. Así, trasladou ao público ao Ártico, para oír o concerto que o prestixioso pianista  Ludovico Einaudi fixo soar no seu piano de cola sobre un iceberg, nunha impactante campaña coa que Greenpeace quixo denunciar os gravísimos efectos do cambio climático. Pedro  Armestre contou como foi pensada esa campaña, como se trasladou o piano de cola e como se gravou ese concerto que foi difundido polos medios de todo o mundo. Relatou tamén o seu traballo documental nos principais incendios que nos últimos anos arrasaron distintos puntos do noso país, ou o proyecto no que  radiografiou o deterioro e transformación da costa peninsular por mor da presión urbanística e o boom do turismo.

Tamén tivo espazo neste encontro a dura realidade que viven miles de nenas en distintas partes do planeta.  Armestre relatou a súa recente viaxe a Serra Leona, para documentar para  Save  the  Children a realidade do matrimonio infantil nas aldeas máis remotas dese país africano. Ou o espolio que as grandes multinacionais exercen sobre as comunidades campesiñas de Colombia, O Salvador, Guatemala, Mozambique ou Guinea  Bissau, nun proxecto documental realizado para Alianza para la Solidaridad co fin de denunciar unhas prácticas abusivas que deixan sen auga, sen terra, e por tanto sen posibilidade de supervivencia, a poboacións indíxenas enteiras.

Fotógrafo documental, Pedro  Armestre, galego de Verín, iniciou a súa carreira profesional na axencia Europa  Press. Os seus pasos seguiron por Cover, El MundoXI Semanal, Interviú… Despois, entrou na Agencia  France  Presse ( AFP) , onde as súas imaxes teñen un alcance e difusión internacional, sendo publicadas nun bo número de xornais e revistas de todo o mundo. En 2014 independizouse para poñer en marcha a produtora audiovisual Calamar2, especializada en ofrecer aos medios de comunicación contido social e ambiental. Desde o principio a súa obra ten un carácter marcadamente sensibilizador tanto na defensa dos Dereitos Humanos como no coidado e a preservación do medio natural. Por iso, mantén un intenso vínculo profesional con distintas organizacións que traballan nestes ámbitos, como o son Alianza para la SolidaridadSave  the  Children ou Greenpeace para as que desenvolve múltiples proxectos fotográficos ou bosquexa as máis  rompedoras campañas de sensibilización. As propostas desenvoltas para estas oenegués nos últimos anos, ou os traballos abordados de maneira independente xunto coas súas experiencias sobre o terreo, convérteno nun experto en temas ambientais e sociais.