Os debuxantes Tyto Alba, autor de «Whitman» e Jaime Martín, de «Siempre tendremos 20 años» protagonizarán mañá mércores as charlas de Viñetas
Tyto Alba expón no Festival de Cómic coruñés orixinais da súa última obra que ten como protagonista ao poeta americano Walt Whitman e o seu papel na guerra de secesión. Nas súas obras anteriores, o debuxante catalán xa plasmara en cómic aspectos da vida de coñecidos personaxes do século XX como Frida Kalho, Pablo Picasso ou Federico Fellini
O tamén debuxante catalán Javier Martín achega á 24 edición de Viñetas os orixinais da última entrega da súa triloxía sobre a recente historia de España: Guerra Civil, Ditadura e Transición, protagonizada pola súa familia e mais el. A obra, publicada en pandemia, obtivo o Premio a Mellor Obra de autor español no Festival de Barcelona deste ano
A charla con Tyto Alba comezará ás 18.15 horas e Javier Martín departirá cos afeccionados a partir das a 19.30. O escenario será o habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso
A Coruña, 10 de agosto de 2021.- Os debuxantes Tyto Alba e Jaime Martín departirán mañá mércores cos afeccionados de Viñetas. Ambos os invitados protagonizarán as segundas charlas vespertinas que forman parte da esencia do Festival Internacional coruñés. Serán, coma sempre, no salón de actos do Kiosco Alfonso. Alba estará co público a partir das 18.15 horas e Martín das 19.30. Imponse lembrarlles aos interesados que o acceso aos encontros está suxeito ás restricións covid vixentes. Poderán acceder, por rigorosa orde de chegada, 18 persoas, o número que admite o recinto mantendo as distancias de seguridade obrigatorias. O público debe recoller os pases no Kiosco media hora antes das charlas. Unha vez acadada a cota de 18 xa non se expedirá ningún máis. Quen non acade o pase ten a alternativa de seguilas en liña, a través da páxina web do Festival (vinetasdesdeoatlantico.com) ou velas en diferido pois quedarán grabadas para desfrute dos afeccionados.
Tyto Alba chega a Viñetas desde o Atlántico coa súa última obra, publicada en tempos de Covid-19, e que versa sobre o famoso poeta americano Walt Whitman. Relata a vida do escritor estadounidense a través do seu papel na guerra de secesión dos Estados Unidos. Ademais de Whitman, cuxos orixinais están na sala de exposicións do Kiosco Alfonso, nas súas obras anteriores o debuxante catalán xa nos achegara en cómic a vida de emblemáticos personaxes do século XX coma Frida Kahlo, Chavela Vargas, Picasso, Fellini ou Balthus.
Nestes tempos convulsos de pandemia mundial, Jaime Martín, pechou o seu tríptico sobre a recente historia de España, protagonizado por el e a súa familia. Siempre tendremos 20 anos é a obra que culmina o seu repaso pola Guerra Civil, a Ditadura e a Transición e cuxos orixinais poden contemplarse na sala de exposicións municipal Palexco. Esta obra deulle a Martín o Premio á Mellor Obra de Autor Español na edición (virtual) do festival de Barcelona deste ano, que por terceira vez premia unha aposta do debuxante. O libro achéganos á vida do propio autor e a súa xeración na España dos anos oitenta. A primeira entrega da saga, Las guerras silenciosas, describe o servizo militar do seu pai en Ifni e a segunda, Jamás tendré 20 anos, a historia dos seus avós, que escaparon da morte durante a Guerra Civil e sufriron o franquismo.
Os horarios de visita desta semana nas catro salas que albergan as exposicións da vixésimo cuarta edición de Viñetas desde o Atlántico (Kiosco Alfonso, Palexco, Pazo de María Pita e Salvador de Madariaga), van de 12 a 14 horas e pola tarde, desde as 18 ás 22 horas.