Os autores de «Subnormal», Miguel Porto e Fernando Llor, e o debuxante de «Las Meninas», Javier Olivares, abren mañá martes o calendario de charlas de Viñetas 2021

Do mesmo xeito que na edición 2020, as medidas fronte ao covid obrigan á organización a limitar a 18 o número de persoas que poden acceder ao recinto dos encontros. De calquera xeito, todos os interesados poderán seguilos en directo a través da web e mais as redes sociais do festival

A obra que asinan os galegos Llor (guión) e Porto (debuxo) aborda o acoso escolar. Está baseada na historia real do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, quen a pesar de posuír un físico portentoso sufriu bullying no colexio. Os orixinais desta obra de denuncia social están na sala municipal de exposicións Palexco

 Outro protagonista dos primeiros encontros cos autores convidados da XXIV edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, Javier Olivares, deleitará aos afeccionados cos pormenores do seu último traballo “La Cólera” e tamén da exitosa “Las Meninas”, Premio Nacional de Cómic 2015; as dúas con guión de Santiago García

 A charla de Porto e Llor comezará ás 18.15 horas e a de Javier Olivares será a partir das 19.30. Os encontros desenvolveranse, como é habitual, no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do festival coruñés, coas condicións de aforo que permiten as medidas sanitarias

A Coruña, 9 de agosto de 2021.- Os autores do cómic Subnormal, os galegos Miguel Porto (debuxo) e Ferando Llor (guión), e o debuxante de Las Meninas e La Cólera, Javier Olivares, serán os encargados de abrir mañá martes,10 de agosto, o calendario de charlas coloquio da XXIV edición de Viñetas desde o Atlántico, que desde onte tingue de cómic a cidade da Coruña. Porto e Llor departirán cos afeccionados a partir das 18.15 horas e Olivares, desde as 19.30. Serán coma sempre no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do festival. O acceso aos encontros está suxeito ás restricións derivadas da pandemia. Poderán acceder, por rigorosa orde de chegada, 18 persoas, o número que admite o recinto mantendo as distancias de seguridade obrigatorias. Os interesados deben recoller os pases no Kiosco media hora antes das charlas. Unha vez acadada a cota de 18 xa non se expedirá ningún máis. Os que non poidan acceder contan coa alternativa de seguilas en liña, poderán facelo a través de youtube con un sinxelo acceso a través da páxina web do festival (vinetasdesdeoatlantico.com) .

Subnormal, cuxos orixinais están na sala municipal Palexco, representa nesta edición o cómic de denuncia social. A obra asinada por ambos os dous autores galegos está baseada na historia real do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, quen a pesar de posuír un poderoso físico sufriu bullying durante a súa etapa no colexio. O cómic narra unha crúa historia de acoso escolar, que contou coa supervisión do propio protagonista.

No Kiosco Alfonso exhíbese a obra do tándem creativo e tremendamente exitoso que forman o debuxante Javier Olivares e o guionista Santiago García. Olivares falará mañá cos afeccionados sobre as obras que levan a súa pegada: Las Meninas, que nos mergulle no universo Velázquez e La Cólera, unha recreación de parte da historia de Aquiles. Estas propostas están consideradas pola crítica e o público como dúas das mellores obras de cómic publicadas no noso país nos últimos anos. Trátase dunha cualificación que avalan os numerosos galardóns que obtiveron. Las Meninas foi Premio Nacional de Cómic no 2015, ademais de obter ese mesmo ano o Premio á mellor obra española do Salón Internacional do Cómic de Barcelona. En 2018, a súa versión en inglés Ladies in Waiting, estivo nomeada a Mellor edición estadounidense de material internacional nos Premios Eisner, os Nobel do sector. La Cólera, publicada en 2020, o ano do confinamento que paralizou o mundo, obtivo tamén recoñecementos como o Premio Zona Cómic- CEGAL á mellor obra nacional de 2020, o Premio Lorna ao mellor cómic nacional de 2020, Mellor Obra Nacional nos Premios do Cómic Aragonés 2020 e Mellor Obra Nacional nos Premios da Crítica de Dolmen 2020.

Todas as mostras

Os orixinais de Viñetas ocupan as catro principais salas de exposicións municipais, o Kiosco Alfonso, Palexo, Pazo de María Pita e Salvador de Madariaga. Todas estarán abertas ao público esta semana entre as 12 e as 14 horas e, xa en sesión de tarde, entre as 18 e as 22 horas. Nas paredes do Kiosco están as obras de Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero, e de Javier Olivares e Santiago García. En Palexco, ademais dos orixinais de Subnormal, os visitantes poden recrearse coa versión en novela gráfica de Dune, que asinan Raúl Allen e Patricia Martín, e tamén coa cota habitual de superheroes que nesta ocasión son os personaxes debuxados por Pepe Larraz para o universo Marvel.

A sala de exposicións do Pazo de María Pita amosa os impresionantes orixinais do Hércules de Das Pastoras, que mesmo se non é a versión da xesta que venceu a Gerión na Coruña, trae ao mítico superheroe á cidade onde está a Torre que lle rende homenaxe. Na sala Salvador de Madariaga exhíbense as obras de Begoña García- Alén González e Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña 2020. Como en anos anteriores, a Torre de Hércules é outra das salas de exposición, seguramente a máis singular. Dado que a única condición que se lle impón aos autores á hora de deseñar o cartel é que na súa proposta figure o faro, que mellor espazo que a Torre para recompilalos. Completan a oferta deste Viñetas desde o Atlántico 2021 as 38 casetas da feira editorial, que permanecerán ata o vindeiro domingo nos Xardíns de Méndez Núñez, diante do Kiosco Alfonso.