O V Encontro Internacional Acampa pola Paz porá o foco na rapina de recursos e recreará nos Xardíns coruñeses un campo de refuxiados saharauí
Os días 9, 10 e 11 de setembro o centro da cidade da Coruña volverá ser un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Nesta ocasión porá o foco na rapina de recursos coma causa do desprazamento forzado de millóns de persoas.
Haberá exposicións fotográficas, presenza de activistas de recoñecido prestixio e fotoxornalistas, e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición, o espolio.
Como cada ano, todo virará ao redor dun escenario simbólico, instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, que nesta ocasión reproducirá un campo de refuxiados saharauís, unha recreación deseñada polo Colectivo Noz para a Rede Acampa para achegarnos á realidade na que sobreviven milleiros de persoas fai xa case cinco décadas, expulsados por Marrocos e abandonados pola comunidade internacional.