Enxeñería sen Fronteiras Galicia entra a formar parte da rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio

  • ESFGalicia, con sé na Coruña, traballa desde principios dos anos noventa en proxectos solidarios “poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano
  • Esta nova incorporación coincide ca recta final dos preparativos da cuarta edición que o vindeiro mes de xuño (11, 12 e 13) volverá a achegar a cidadanía coruñesa o drama das persoas refuxiadas e migrantes. Este ano o tema central será o espolio de recursos que está detrás da desfeita ambiental, a pobreza, a violencia e as guerras que obrigan as persoas ao desprazamento forzoso dos seus fogares e os seus países

A Coruña, 9 de marzo de 2020.- A organización solidaria Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESFGalicia) incorpórase a rede Acampa. Súmase así aos máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ONGs, institucións, empresas  e persoas particulares que forman esta plataforma transversal, nada na Coruña no 2016 co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio.

ESFGalicia, defínese como “unha asociación que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria poñendo a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano”. Traballa desde principios dos anos noventa na dotación de servicios básicos universais como auga, alimentación, enerxía, tecnoloxías da información e hábitat en todo o mundo. Forma parte da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras e da Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento. “Preocupámonos por acadar xeitos de emprego da tecnoloxía para mellorar a vida das persoas e asegurar os dereitos no noso entorno, non só noutros países”.

A incorporación de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, con sé na Coruña, prodúcese na recta final dos preparativos da cuarta edición de Acampa pola paz e o dereito a refuxio que este ano poñerá o foco no espolio de recursos que está tantas veces detrás do que obriga ao desprazamento forzoso de millóns de persoas en todo o planeta: destrución ambiental, pobreza, escravitude, violencia, persecución e guerras.

Espazo de denuncia e visibilización

A cita será os días 11, 12 e 13 de xuño. Nesas datas, o centro da cidade da Coruña volverá a ser un  espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Unha chamada de atención hoxe máis necesaria ca nunca ante o que está a pasar nas fronteiras europeas. Haberá exposicións fotográficas en todas as salas municipais, presenza de activistas de recoñecido prestixio e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición. Como cada ano, todas estas actividades xirarán o redor dun campo simbólico de persoas refuxiadas instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, que reproducirá as condicións nas que viven aqueles que teñen que fuxir en busca de unha vida mellor e de paz.

Acampa é xa una cita  imprescindible que converte A Coruña nunha das urbes máis empáticas coa problemática das persoas refuxiadas e migrantes que foxen da pobreza, as guerras, a violencia ou as cada vez máis frecuentes catástrofes naturais producidas pola crise climática, na que ten unha responsabilidade ben demostrada a explotación salvaxe de recursos. En cada edición, Acampa pola paz e o dereito a refuxio pon o foco nun aspecto concreto dos desprazamentos forzosos. En 2017, a primeira, foi a crise dos refuxiados a causa da guerra en Siria; en 2018 o tema central foron as migracións derivadas do cambio climático e o ano pasado, 2019, o drama específico das mulleres  e nenas refuxiadas.