Acampa pola Paz esixe ao goberno español a protección urxente da activista Helena Maleno fronte á fustrigración marroquí

  •  Súmase así á iniciativa posta en marcha por Camiñando Fronteiras na defensa da súa dirixente.
  • A escalada de violencia contra ela, a súa familia e a súa organización Camiñando Fronteiras foi  medrando, impedíndoselle regresar á súa residencia en Marrocos
  • Os tribunais de España e de Marrocos recoñeceron que o labor desta defensora dos Dereitos Humanos non é delito. A pesar diso, “a criminalización orquestrada durante anos desde o Ministerio do Interior de España – e en concreto, da Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais ( UCRIF) da Policía Nacional de España- logrou que tivese que abandonar forzosamente o seu fogar, denuncia 

 A Coruña, 12 de abril de 2021.- A Rede Acampa fai público o seu apoio explícito á activista Helena  Maleno e á súa organización Camiñando Fronteiras fronte á fustrigación de Marrocos. Por iso, esixe ao goberno español a protección urxente de  Maleno, a súa familia e a súa organización, tras ser  deportada de maneira violenta cando volvía á súa residencia en Marrocos, tras unha curta viaxe á península, o pasado 23 de xaneiro. Durante varias semanas estivo separada da súa filla menor, que permanecía no país veciño, temendo pola seguridade da cativa.

Fronte á  criminalización continuada da súa actividade por parte de Marrocos,  Maleno conseguiu gañar sucesivos procesos xudiciais tanto en España como en Marrocos e desmontar as montaxes policiais encamiñadas a desactivala. Pero ese recoñecemento do seu labor na defensa de dereitos das persoas  migrantes, tanto social como xudicial, non conseguiu frear as violencias contra ela e a súa familia.

Por iso, a rede Acampa suma o seu apoio á iniciativa posta en marcha por Camiñando Fronteiras e esixe, tanto ao presidente do goberno español Pedro Sánchez, como ao seu goberno, o recoñecemento público do traballo de Helena Maleno como defensora de Dereitos Humanos e o impacto positivo do seu labor para a democracia e o Estado de dereito.

O movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio esixe tamén o cesamento da  criminalización da activista, depurando responsabilidades nas institucións pertinentes para a non repetición de accións  persecutorias contra a súa persoa. Así mesmo, reclama a protección de Helena  Maleno e da súa familia, permitindo o exercicio do seu lexítimo labor de defensa de dereitos humanos e a reparación dos innumerables danos  instigados contra a defensora e a súa familia.