«A Vida Negada», o V Encontro Internacional Acampa pola Paz, volve ás rúas para denunciar os dramáticos efectos do saqueo de recursos nas poboacións locais
A Coruña será de novo, os días 9, 10 e 11 de setembro, unha cidade refuxio para a defensa dos Dereitos Humanos
A líder indíxena brasileira Luana Kaingang, a activista congolesa Julienne Lusenge ou a representante do Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil ( MST), Marina dos Santos, son algunhas das convidadas da Rede Acampa para achegarlle ao público as durísimas realidades que viven centos de comunidades no mundo baixo o drama do espolio dos seus recursos e fontes de supervivencia. Millóns de persoas aos que outros países e intereses, coa súa rapina, lles negan literalmente o dereito á vida. Tamén asistirán os xornalistas Rosa María Calaf, Nicolás Castellano e mais o profesor de Ciencia Política, Carlos Taibo.
Nesta edición, o campo simulado que se monta nos Xardíns de Méndez Núñez, epicentro das actividades, reproducirá un dos moitos asentamentos que o MST ten en Brasil. Neste V Encontro, ademais, entregaranse os I Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron precisamente no MST e no activista local Nicanor Acosta.
Exposicións fotográficas, charlas e encontros presenciais e mais en liña cos activistas internacionais máis destacados, proxeccións documentais, teatro, música en directo e actividades das organizacións e colectivos que integran o Movemento Acampa tecen o programa de “A Vida Negada”.
A Coruña, 3 de setembro de 2021.- “O espolio e o empobrecemento de moitos países por causa da avaricia colonialista non pertence ao pasado: é o presente que acotío narran as persoas que foxen da violencia, da pobreza, da seca, da fame e da extrema desigualdade, incompatibles coa vida. O espolio e a violencia que este leva asociada desequilibran o mundo. A inxustiza non acaba aí. Ao tempo, eses países espoliadores péchanlle as fronteiras ás persoas que foxen na procura de alternativas vitais”. Con estas palabras do coordinador da rede Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad, queda máis que xustificada a razón de ser de “A Vida Negada”, o V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que, entre o 9 e o 11 de setembro, converterá A Coruña na cidade refuxio dos dereitos humanos.
“A solidariedade e a garantía dos dereitos humanos debe ser o principal obxectivo político de todo goberno que se defina como democrático e, porén, a Unión Europea e as principais potencias mundiais levan décadas pagando a terceiros países con réximes nada democráticos para que fagan o traballo sucio do control de fronteiras, sen importarlles os medios que utilicen para logralo”, denuncia a Rede Acampa. Neste marco desenvolverase “A Vida Negada”, que traerá a Coruña o drama das comunidades indíxenas brasileiras na voz dunha das súas líder máis internacionais, a xoven Luana Kaingang, ou a violencia intrínseca ao saqueo das terras raras que nos revelará a activista congolesa Julienne Lusenge.
Ata Coruña viaxará o profesor de Ciencia Política Carlos Taibo, autor de títulos como “Colapso” e “En defensa do decrecemento”, referente nacional na teoría de que hai que parar a deriva do consumo desaforado. Tamén asistirá outra das observadoras da desigualdade máis autorizadas, a xornalista Rosa María Calaf, correspondente de televisión por medio mundo durante décadas, e mais Nicolás Castellano, analista experto na durísima realidade dos movementos migratorios que na actualidade camiñan cara a Europa.
A Xunta de Galicia, ausente na iniciativa Acampa
Acampa pola Paz quere expresar o seu agradecemento ás administracións e organismos públicos que fan posible este V Encontro Internacional (o Concello da Coruña, Deputación Provincial e Universidade da Coruña) así como ás empresas patrocinadoras e simpatizantes (Tórculo edicións, Gadis, Desarrolla, Terras Gauda, ITH Pro ou Byled). A Rede fai tamén pública a súa crítica ao desinterese que, ano tras ano, mostra a Xunta de Galicia cara á iniciativa deste movemento transversal que sostén o tecido social máis activo da comunidade na defensa dos Dereitos Humanos e que suma máis de 70 organizacións, asociacións sociais, culturais, oenegués, partidos políticos… “É cando menos sorprendente que a Xunta dea as costas, un ano máis, a unha proposta como esta. Máis sendo o goberno dun pobo tan historicamente solidario como o galego”, aseguran desde a organización do encontro internacional.
O campo simulado reproducirá un asentamento do MST brasileiro
O Movimento de Trabalhadores sem Terra de Brasil (MST) será unha referencia protagonista deste V Encontro Internacional. O campo simulado, epicentro de todas as actividades, acolle nesta quinta edición unha reprodución dun dos moitos asentamentos que o MST ten na vasta xeografía brasileira, ao recuperar a terra para os campesiños creando comunidades perfectamente articuladas ao seu redor.
A Rede entregará neste V Encontro os I Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron precisamente no MST (na súa categoría internacional) e no activista Nicanor Acosta (na categoría local). Por parte dese movemento, será a activista Marina dos Santos, convidada de Acampa, a que lle conte ao público asistente a fórmula da súa organización e o funcionamento dos asentamentos poboacionais creados por el.
Exposicións de fotoperiodistas de recoñecido prestixio
As exposicións fotográficas son outra das esencias dos Encontros Internacionais Acampa pola Paz. Nesta ocasión as rúas do centro da Coruña converteranse nunha sorte de pano de fondo das imaxes dos fotoperiodistas Judith Prat, Víctor Moriyama, Xosé Abad, Luís de Vega, Akintunde Akinleye, Pablo Piovano e Javier Corso. Todos eles enfrontarán ao visitante a espazos de devastación resultado da rapina duns poucos, en escenarios tan diversos como a Arxentina do agronegocio contaminado polo uso do glifosato, a morte e a desolación que as explotacións petrolíferas deixan no delta do Níxer ou a explotación ao redor das minas de pedras preciosas de Colombia. Tamén estará presente o espolio e o abandono sufrido polo pobo saharauí desde hai máis de 45 anos, o dano irrecuperable que as explotacións agrícolas e gandeiras están a causar en toda a Amazonia arrasada polo lume, ou a vida que rexorde coa recuperación das terras por parte do MST brasileiro, exemplificada nas imaxes do campamento “Marielle Vive”. Por último, a cidadanía poderá comprobar á dura realidade das mulleres campesiñas en distintos continentes, defendendo a terra da seca, a violencia ou o espolio; mans femininas que, en todo o planeta, defenden a supervivencia e a soberanía alimentaria.
En definitiva, “A Vida Negada” -que se inaugurará o día 9 de setembro cun programa de radio en vivo conducido por Xurxo Souto- achegará á cidadanía participante nas súas distintas actividades programadas as durísimas realidades que viven centos de comunidades no mundo baixo o drama do espolio dos seus recursos e fontes de supervivencia. Millóns de persoas aos que outros países e complexas estruturas multinacionais, coa súa feroz rapina, lles negan literalmente a vida.
Teatro en vivo, música en directo, documentais, visitas guiadas, obradoiros, presentacións de libros, actividades propias das distintas organizacións que conforman o movemento Acampa… En definitiva, unha amplísima oferta para poñerlle cara ao espolio e para conformar unha conciencia social crítica sobre os abusos que uns poucos exercen sobre millóns de persoas en moitos puntos do planeta. Ou o que é o mesmo, sobre “A Vida Negada”.
Toda a información e o programa, na ligazón: