A rede pon en marcha o Recoñecemento Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio

  • Cada ano este movemento recoñecerá tanto local como internacionalmente a aquelas entidades ou particulares que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos e a Defensa da Paz
  • Ata o 28 de febreiro, as persoas e colectivos que integran a rede Acampa en todas as súas delegacións (Galicia, Madrid, Brasil e Portugal) poderán presentar candidaturas a este primeiro Recoñecemento Internacional Acampa pola Paz e o  Dereito a  En cada edición outorgaranse tanto recoñecementos locais, a proposta de cada unha das delegacións, como un recoñecemento de carácter internacional, que nesta primeira edición será entregado coincidindo co V Encontro Internacional Acampa  pola Paz que se desenvolverá na Coruña este ano, probablemente no mes de setembro.
  •  A peza escultórica que simboliza este recoñecemento por parte da rede foi creada pola artista Pilar Subías.

 A Coruña, 1 de febreiro de 2021.- Non é un premio nin un galardón. É un Recoñecemento co que a Rede Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio busca poñer en valor aquelas entidades ou persoas referentes que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos, especialmente naqueles campos nos que traballa o movemento Acampa: Dereitos Humanos, Dereito a  Refuxio, Defensa da Paz e o Diálogo como fórmula para a resolución de conflitos.

A actualidade confírmanos o continuo retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo. A pesares diso, non son poucas as organizacións e os particulares que realizan todo o esforzo posible en recuperalos e defendelos con forza e  resiliencia. Eses son os nosos e as nosas candidatas, asegura o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad. A Rede Acampa anima a todos os colectivos e particulares comprometidos con esta iniciativa a presentar candidaturas que permitan recoñecer e agradecer públicamente a aqueles que seguen crendo que a defensa dos Dereitos Humanos é un elemento irrenunciable e innegociable independentemente do escenario no que nos atopemos (conflito armado, crise económica ou mesmo pandemia…)

Tanto as candidaturas como a elección das mesmas, tanto locais como a de carácter internacional, serán propostas e votadas polas organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa Internacional. As persoas interesadas poden consultar as bases na web da rede Acampa, nesta  ligazón:

https://redeacampa.org/es/reconocimiento-acampa/

A mención internacional será presentada, cada ano e de maneira simultánea en todas as cidades con presenza da Rede Acampa -neste momento A Coruña (Galicia), Madrid, Piracicaba-Sao Paulo (Brasil) e Lisboa (Portugal) e alí farase entrega á entidade ou particular elixido dunha Carta de Recoñecemento destacando o seu labor, así como da escultura creada por Pilar Subías. O Recoñecemento Internacional entregarase rotatoriamente en cada país. No que será a súa primeira edición, a deste ano 2021, a entrega farase na Coruña en coincidencia co desenvolvemento do V Encontro Internacional Acampa  pola Paz que se celebrará probablemente no próximo mes de setembro.

Tanto para a proposta de candidaturas como para a votación só hai que cumprir un requisito, ser organizacións ou persoas rexistradas ou asociadas á Rede Acampa. Cada entidade ou socio de Acampa poderá presentar ata dúas candidaturas, unha para cada unha das categorías, local e internacional.  Unha vez rematado o prazo de presentación das mesmas, e a partir do 28 de febreiro, a votación realizarase a través da web de Acampa nun período que se estenderá durante quince días.