A lideresa indíxena brasileira Luana Kaingang e o autor de «Colapso», Carlos Taibo, protagonizan mañá o acto central do V Encontro Internacional Acampa pola Paz
As actividades desta nova edición “A Vida Negada” comezarán cun programa de radio en directo (a partires das 10.30 horas) e a apertura do campo simulado de persoas refuxiadas que nesta ocasión reproduce un campamento do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra de Brasil
Luana Kaingang falará de “a loita pola vida” das comunidades orixinarias do seu país fronte ao espolio de terras e recursos pola agricultura, a gandeiría e a minería intensivas, e Carlos Taibo das consecuencias do crecemento e o consumo desaforados e a aposta polo “decrecemento” como solución á crise climática.
Na xornada inaugural estará tamén Juan Tomás Ávila Laurel, un dos escritores máis coñecidos de Guinea Ecuatorial, que vive refuxiado no noso país polas súas críticas á ditadura de Obiang e abrirán ao público as exposicións de fotografía que achegarán ao visitante ás consecuencias do saqueo de recursos en distintas partes do planeta. Falarase, ademais, de “Espolio en Honduras” con Enxeñería Sen Fronteiras.
A Rede Acampa retransmitirá en directo, a través da súa canle de youtube, parte da programación deste V Encontro.
A Coruña, 8 de setembro de 2021.- A lideresa indíxena brasileira, Luana Kaingang, da Agrupación de Pobos Indíxenas de Brasil ( APIB) e o autor de “Colapso. Capitalismo terminal”, o escritor e ensaísta Carlos Taibo, serán os primeiros relatores da V edición do Encontro Internacional Acampa pola paz “A Vida Negada”, que comeza mañá xoves na Coruña. O centro da cidade volverá ser, durante tres días, un escenario de denuncia da situación das persoas migrantes e refuxiadas, co foco posto especialmente no saqueo intensivo de recursos que provoca guerras, destrución ambiental e o empobrecemento de poboacións enteiras, condenándoas ao desprazamento obrigado. A partir das 19.30 horas, a activista falará de “a loita pola vida” das comunidades orixinarias do seu país fronte ao espolio de terras e recursos pola agricultura e a minería intensivas que contan coa complicidade absoluta do goberno Bolsonaro. Taibo farao das consecuencias do crecemento e o consumo desaforados e a aposta polo “decrecemento” como solución á crise climática. Será nunha mesa coloquio que moderará a xornalista da Cadena Ser, Isabel Bravo. A charla retransmitirase en streaming, a través da ligazón
https://www.youtube.com/watch?v=yvuowLXWd0M
Acampa 2021 abrirá as súas portas ás 10.30 da mañá cun programa de radio en directo, conducido polo músico e escritor Xurxo Souto, que entrevistará a persoas desprazadas que viven na cidade, convidados do Encontro e representantes institucionais. Terá lugar tamén a apertura, e primeira visita guiada (12.30 horas), do campo simulado de persoas refuxiadas, elemento central dos Encontros Internacionais, ao redor do cal articúlase toda a programación. Nesta ocasión reproduce un campamento do Movimento dos Trabalhadores Rurais sem Terra de Brasil, moi fiel á realidade xa que foi deseñado por un equipo de arquitectos e arquitectas de Acampa Brasil e Acampa Portugal: André Luís Queiroz Blanco (coordador), Luís Felipe de Araujo Teixeira, Alcides Barbosa y Cíntia Zaparoli, esta última campamento real “Marielle Vive”, de Valinhos (Sao Paulo).
Á vez, quedarán abertas ao público, nos Cantóns, as sete exposicións de fotografía que, da man de destacados fotoxornalista, achegarán ao público ás consecuencias do saqueo de recursos sobre a vida dos habitantes de países de África e América Latina.
A primeira xornada contará con outro testemuño importante, o do escritor de Guinea Ecuatorial, Juan Tomás Ávila Laurel, exiliado en España desde fai dez anos polas súas críticas contra a férrea ditadura de Teodoro Obiang. Presentará o documental “El escritor de un país sin librerías”, do que é protagonista e que se proxectará ás 16 horas na carpa central. Previamente, ás 13 horas, no Kiosco Alfonso, está programada a charla “Espolio en Honduras”, promovida pola ong Enxeñería Sen Fronteiras, moi comprometida con proxectos de desenvolvemento no país latinoamericano e, diante do Kiosco, “Comercio con sentido”, de Solidaridade Internacional, unha actividade interactiva sobre o espolio que hai detrás do que consumimos.
A organización recomenda ás persoas interesadas en acudir a calquera das propostas que o faga con un pouquiño de antelación debido ao obrigado control de accesos polas medidas sanitarias derivadas da Covid-19.
Luana Kaingang
Luana Kaingang, é coordinadora das mulleres novas de APIB ( Articulaçao dos Povos Indíxenas do Brasil) e colaboradora da Comisión Nacional da Mocidade Indíxena. Foi a representante da APIB na Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climática COP-25. O kaingang, ao que pertence, é o terceiro maior pobo indíxena de Brasil. A activista falará do duro momento que atravesan as comunidades orixinarias no seu país e a presión e persecución do Goberno de Bolsonaro, a quen a súa loita e a difusión desa realidade polo mundo incomoda profundamente. Tamén falará do uso que o Estado fixo coa chegada da COVID 19 contra os territorios indíxenas, e o abandono destes en materia sanitaria por parte da sanidade pública, abocándoos a un perigo real de extinción.
Carlos Taibo
O profesor, escritor e ensaísta Carlos Taibo é un firme defensor dos movementos antiglobalización e un dos máis destacados defensores da corrente de pensamento político, económico e social do decrecemento, unha “perspectiva” de crítica e contestación ao capitalismo imperante e ao mantra do crecemento económico como a panacea que resolve todos os males. Acaba de publicar este ano “Decrecemento. Unha proposta razoada”, unha actualización de “Colapso”, obra na que xa fai dez anos anticipaba a deriva autodestrutiva do crecemento desaforado que está a poñer en perigo a propia supervivencia do planeta e a todos os seus habitantes. Deixa claro que para facer fronte á emerxencia climática na que estamos inmersos é necesario un cambio radical de paradigma, sustentando en “decrecer”.
“El escritor de un país sin librerías”
Trátase dun audiovisual que nos achega á realidade da ex colonia de España, da que se independizou fai cincuenta anos. A través da voz do escritor, Juan Tomás Ávila (un dos máis coñecidos e traducidos do país) e con elementos como o debuxo, a animación e fragmentos televisivos, a película enfronta aos espectadores coa crúa realidade da pobreza na que vive a poboación (non ten nin auga potable) fronte ao control ditatorial e a ostentosa riqueza da familia Obiang, multimillonaria grazas á explotación do petróleo.