No marco do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico da Coruña que abre ás súas portas o luns

A EXPOSICIÓN “¿PINTAS O DIBUJAS? UN PASEO POR EL ARTE DE LA MANO DEL CÓMIC” FAI CONFLUIR A ONCE AUTORES ESPAÑOIS NA DÁRSENA CORUÑESA

Once autores españois de recoñecida traxectoria participan en ¿Pintas ou debuxas?, unha exposición de rúa que se aproxima á arte da historieta ou do cómic máis actual, diverso e cunha linguaxe propia

Neste proxecto,  comisariado por Jorge Díez, os artistas abordan nos seus traballos a arte clásica e contemporánea de forma directa ou a través de artistas como El Bosco,  Velázquez, Buñuel, Frida Kahlo, Duchamp ou Picasso

A Coruña, 31 de xullo de 2019. Acción Cultural Española (AC/E) e o Concello da Coruña inauguraron esta mañá a exposición de rúa ¿Pintas o dibujas? Un paseo por el arte de la mano del cómic que poderase ver desde hoxe, 31 de xullo ata o 8 de setembro no marco do programa expositivo do XXII Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico da Coruña. Ao acto asistiu o Director de Programación de AC/E, Santiago Herrero Amigo, o comisario da mostra, Jorge Diez, unha das creadoras que participaron na iniciativa, Laura Pérez Vernetti, e o director do  Salón Internacional do Cómic, Miguelanxo Prado.

Esta exposición fai unha aproximación á arte da historieta ou do cómic da man de once autores españois (Ana  Galvañ, Antonio  Altarriba/ Keko, Fermín Solís, Laura Pérez  Vernetti, María  Hesse, Mauro  Entrialgo, Max, Pablo  Auladell e Santiago García/Javier Olivares) que, cunha linguaxe propia, abordan nos seus traballos a arte clásico e contemporáneo a través de artistas como El Bosco, Velázquez, Buñuel, Frida Kahlo, Duchamp ou Picasso, entre outros. Durante o percorrido plásmase a mirada dos autores sobre diferentes ámbitos do campo artístico: exposicións, museos, feiras,  bienales, artistas, comisarios, críticos, institucións, público… Coincide, ademais, que un bo número dos creadores participantes en ¿Pintas o Dibujas? formaron xa parte do elenco de convidados de Viñetas desde o Atlántico nestas dúas décadas de existencia.

A mostra colectiva está integrada por viñetas, historietas e fragmentos de álbums de varios dos autores españois máis relevantes que, desde distintos focos xeográficos de orixe ou de traballo (Murcia, Estremadura, Madrid, Cataluña, Andalucía, País Vasco, Baleares e Valencia), debuxan con trazo propio e diverso o panorama actual do cómic e a ilustración dentro da escena nacional e internacional. Ao longo de ¿Pintas o dibujas? entrelázanse e dispersan diversos fíos temáticos que convidan a quen se introduce nela a construír o seu propio percorrido segundo a súa persoal maneira de comprender e gozar das diversas propostas que aquí conflúen. A exposición foi concibida para ser instalada en espazos abertos e vías públicas, cun deseño atractivo que favorece a interactividade dos paseantes coas obras. Os propios soportes axudan a deseñar un trazado que permite un percorrido aberto.

O cómic naceu como un medio de masas vinculado á prensa diaria a finais do século  XIX e sufriu unha profunda transformación. Durante moito tempo foi un sector plenamente integrado nas industrias da cultura dirixidas ao público infantil e xuvenil e cunha certa cota do mercado editorial para adultos no campo humorístico ou  satírico. Tras as propostas do cómic  underground norteamericano e a vitalidade dalgúns autores e editoriais europeos nos anos sesenta do século pasado, unha xeración de autores do cómic chamado independente, alternativo ou de vangarda, xurdiu con puxanza nos anos oitenta no noso país, tratando de abrirse camiño a través de  fanzines, autoedicions e pequenas editoriais independentes. Co novo século chegou a novela gráfica e tamén unha nova xeración de autores, entre os que destaca, por fin, a presenza crecente de mulleres ou a chegada do cómic aos grandes museos de arte.